Sunday 12 de May de 2024

Á venda as entradas para o espectáculo ‘Códice K’, que regresa ao Teatro Colón o 19 de xaneiro


As entradas para esta obra teatral saen hoxe á venda

O Teatro Colón acollerá o venres 19 de xaneiro, ás 21.00 horas, o espectáculo teatral ‘Códice K’, unha comedia que narra a historia extraoficial do roubo do Códice Calixtino da Catedral de Santiago. O Concello da Coruña, a través da súa Área de Fomento e Promoción da Cidade, organiza este pase da obra producida por Ainé logo do éxito da súa primeira función na cidade, o pasado 8 de setembro.

As entradas saen á venda este xoves ás 11.00 horas a través de Ataquilla e nos despachos de billetes do Teatro Colón e da praza de Ourense. ‘Códice K’ conta a historia das mulleres vencelladas cos feitos reais. O espectáculo conta coa dramaturxia de Manuel Cortés e a dirección de Tito Asorey, co asesoramento artístico de Noemi Rodríguez. Sobre o escenario, Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón métense na pel das múltiples personaxes femininas para descubrirlle ao público unha historia con diferentes puntos de vista.

As catro actrices estarán acompañadas en escena pola dj e produtora Russ, quen se encargará da música e ambientación en directo. Ademais, as actrices tamén participaron na creación deste espectáculo, pois os textos configuráronse logo duns procesos previos de ensaios e improvisacións.

O Goberno de Inés Rey continúa a confeccionar a programación cultural da cidade para o ano 2024. A promoción da Coruña como gran potencia do noroeste en materia cultural é un dos eixes do actual Executivo municipal, que aposta por eventos para todo tipo de públicos nos diferentes espazos municipais.